domingo, 12 de octubre de 2014

Seixo Branco... mar o montaña?

Nos últimos tempos estou visitando con bastante frecuencia áreas montañosas de Lubián na provincia de Zamora, no mesmo límite con Ourense.

Nunha destas visitas atopei esta curiosa formación xeolóxica:

Un Seixo Branco ourensán-zamorano
O filón esténdese pola superficie durante mais dun kilómetro (podedes ver na fotografía que continúa na ladeira do fondo). Pode que vos lembre a outro lugar moi visitado por este blog... Revisando a toponimia reflectida na cartografía do Instituto Geográfico Nacional, o círculo rematou de pecharse:

Un Seixo Branco ourensán-zamorano
Certamente, seguro que moitos dos lectores de Ubarroi coñecedes ben este outro Seixo Branco:

Do mar á montaña. O Seixo Branco deslizándose cara o mar.
Dos bravos cantís marítimos do extremo noroccidental da Coruña á dura montaña suroriental, a cabalo entre Ourense e Zamora. Difícil atopar mais diferencias... mais ambos espazos amósanse unidos pola toponimia e a xeoloxía a través dunha diagonal de case 200 km que cruza Galicia de punta a punta, nun curioso irmandamento.


Tan semellantes e tan distintos... nun Seixo Branco a raíña indiscutible é a maxestuosa aguia real...

Aguia real sobrevoando o Seixo Branco.
... mentres no outro o gobernante dos cantís non sobrevoa o Seixo, senón que o esquiva discretamente rozando as ondas do mar.

Corvo mariño dobrando o Seixo Branco.
En ambos espazos a comunidade de aves é a típica de áreas de matogueira e espazos abertos, con algúns representantes senlleira e que compiten en vistosidade...

As ruidosas choias costeiras...
E o discreto merlo rubio dos cumios.
Para rematar da maneira mais abraiante con esta conexión, fixádevos no mapa do Seixo ourensán-zamorano e reparade en que outro topónimo aparece ao oeste, imitando o que ocurre no oleirense, ría coruñesa mediante (tal vez algún dos sagaces lectores de Ubarroi xa caeu na conta). É ou non é abraiante?

Rebuscando na rede, atopei un terceiro Seixo Branco, neste caso na portuguesa Serra da Estrela. Coñecedes algún outro?